1º Premio internacional de proxeccións de fotografía Visions

_DSC2968 copia

ENGLISH

A organización do VISIONS 2016 (4ªEdición) prácese en convocar o 1ºPremio Internacional de proxeccións de Fotografía VISIONS. Podes enviar o teu proxecto ao correo premio@visionsfest.net entre o 20 de xuño e o 1 de agosto de 2016. Consulta as bases aquí e participa:

VISIONS_BASES

  1. Poderán presentarse a este premio todas as persoas de calquera idade e nacionalidade que así o desexen, con traballos fotográficos inéditos ou non, presentados a través de montaxes videográficas que nunca antes teñan sido amosadas nin presentadas en edicións anteriores do Festival Visions.
  2. A temática será completamente libre, se ben non se admitirá publicidade de produtos, empresas ou marcas, nin se admitirá o contido que poida resultar ofensivo a xuízo da organización.
  3. Os traballos deberán ser orixinais. Non se admitirá ningunha fotografía cuxa propiedade intelectual non pertenza integramente e sen excepción ao propio ou propia participante do concurso.

A música empregada, no seu caso, deberá ser libre de dereitos ou contar co permiso expreso do autor, autora ou posuidores das licenzas. En todo caso, a persoa participante será a responsable única de calquera infracción sobre os dereitos de autoría. O Festival Visions resérvase a potestade de rexeitar calquera proxección por este motivo.

Para as fotografías nas que aparezan persoas recoñecibles, os e as concursantes serán os responsables únicos de non vulnerar os dereitos de integridade ou imaxe das persoas retratadas. A organización resérvase o dereito a retirar proxectos no caso de recibir solicitudes por parte de persoas que mostren a súa desconformidade e poderá solicitar, aos e ás responsables de cada proxecto, unha carta asinada polas persoas retratadas autorizando o uso da súa imaxe.

  1. Os traballos enviaranse mediante unha ligazón para a descarga a premio@visionsfest.net    entre o 20 de xuño e o 1 de agosto de 2016.
  2. Formato para a presentación dos proxectos:

– O formato deberá ser Mp4 Codec h264, resolución mínima 1280x720px.

–  A duración máxima de cada proxecto será de 3,5 min.

– O nome do arquivo deberá ter a seguinte secuencia: Autoría_titulo.mp4

– Os proxectos presentados poderán incluír créditos e/ou títulos.

  1. Outorgaranse 4 premios:

–        Primeiro premio: 750€ + Exhibición na galería SALASAL + Fujifilm X-T10 óptica Fujinon XC16-50mm.

–        Segundo premio 300€

–        Terceiro premio 150€

–        Mellor traballo de autoría galega: 400€.

O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios. Os premiados e/ou premiadas quedan na obriga de cumprir as obrigas fiscais que, canto a premios, resulten aplicables na súa xurisdición de residencia.

  1. O premio será para proxeccións de fotografía. Admitirase o vídeo sempre que sexa como apoio ao conxunto do traballo creado a partir dunha serie de fotografías.
  2. O xurado do concurso será nomeado polo Festival Visions no seu momento e este escollerá un máximo de 12 finalistas que serán anunciados no venres 19 de agosto de 2016. Os traballos escollidos serán proxectados no día 19 do mesmo mes e compartidos na web do festival e nas redes sociais asociadas.

O público poderá votar a través da web do Festival Visions [www.visionsfest.net]. Cada votante outorgará 1 punto a 3 traballos diferentes. Os tres traballos que obteñan o maior número de puntos serán os galardoados co primeiro, segundo e terceiro premio atendendo ao número de votos. Os votos que non inclúan 3 autores ou autoras non serán validados.

O premio ao mellor traballo realizado por un fotógrafo ou fotógrafa galega será seleccionado polo xurado e non poderá coincidir con ningún dos tres premios referidos.

  1. A persoa gañadora será convidada a presentar o seu traballo cunha exposición individual na programación da única galería coruñesa especializada en fotografía, SALASAL [www.salasal.net], durante o ano 2017, así como a participar no xurado da seguinte edición do Festival Visions.
  2. O fallo do xurado será comunicado a través da web e das redes sociais asociadas ao Festival Visions. No caso de que as persoas galardoadas non se poñan en contacto coa organización nos 5 días naturais seguintes á resolución do xurado, este decidirá se declara deserto o concurso ou se selecciona novas obras adxudicando de novo os premios.
  3. As persoas autoras dos proxectos seleccionados cederán, coa mera presentación dos seus traballos ao concurso, a título gratuíto a favor do Festival Visions, os dereitos de reprodución, comunicación, distribución, transformación e divulgación pública a efectos de exposición, publicidade e exhibición mediante os soportes que edite o Festival Visions ou terceiras persoas ás súas instancias.
  4. As persoas participantes no presente concurso aceptan e dan o seu consentimento para que os datos persoais esixidos para a inscrición no concurso sexan incorporados a un ficheiro automatizado titularidade do Festival Visions, e tratados coa finalidade de desenvolver o concurso de acordo coa L. O. 15/1999 sobre Protección de Datos de Carácter Persoal. As persoas concursantes teñen dereitos recoñecidos e poderán exercitar gratuitamente os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición en relación cos seus datos persoais dirixíndose por escrito ao Festival Visions no seguinte enderezo electrónico: premio@visionsfest.net.
  5. O Festival Visions resérvase o dereito de modificar as condicións do presente concurso en calquera momento dentro do prazo de participación, e mesmo de anulalo ou deixalo sen efecto, sempre que concorra causa xustificada para iso. En todo caso, comprométese a comunicar a través da web do concurso as bases modificadas ou a anulación do concurso no se conxunto, de xeito que todas as persoas participantes teñan acceso á información referida.
  6. O xurado designado pola organización do Festival Visions reservarase o dereito á interpretación destas bases.
  7. A participación neste concurso supón a aceptación destas bases na súa totalidade.

 


logocoruna.78f8082elogoFUJIFILMX_1